ignacio iturrioz

PALACIO SALVO


Declarado monumento histórico nacional, o Palacio Salvo foi e segue a ser un dos edificios máis emblemáticos da cidade de Montevideo.
Foi inaugurado no ano 1928, con 105 metros de altura e 27 andares, e converteuse daquela no edificio máis alto de Sudamérica.
Quen ideou a obra e investiu nela foron os irmáns Salvo.
A construción, de estilo art déco ecléctico, foi dirixida polo arquitecto italiano Mario Palanti.
Na súa época, este edificio de luxo representaba e simbolizaba o momento de prosperidade económica que estaba a atravesar o Uruguai.
Malia ter sido concibido inicialmente como hotel, cos anos os seus cuartos foron transformándose en pequenos apartamentos empregados como vivenda.
Hoxe en día a edificación atópase bastante deteriorada, con problemas tanto legais como sanitarios.
No 2007 acordei mudarme ao Palacio e vivín sete anos nun dos seus apartamentos. Partindo desa experiencia estou a realizar actualmente este proxecto fotográfico.
O universo que abordo é o edificio, como escenario, e os seus habitantes, como referentes de min mesmo.
Neste lugar que foi o meu fogar e na compañía destas persoas, percorro a antiga noite vivida dende a soidade daqueles anos.

DATOS

Ignacio Iturrioz nace en Montevideo (Uruguai) en 1978. Comeza os seus estudos de fotografía en 1998, ano no que cursa o obradoiro de Héctor Borgunder. No ano 2007 accede ao obradoiro de fotografía de Roberto Schettini.
A partir de 2008 comeza a viaxar polo medio rural do Uruguai realizando o traballo “Life is too short”. En 2009 recibe o premio do Centro de Fotografía (CDF) para publicar o proyecto nun libro de autor.
No ano 2013 recibe a bolsa do festival internacional de fotografía San José Foto polo proxecto ”Isla”.
En 2014 convídano a participar como hóspede documentalista no Museo de Arte Contemporáneo de Montevideo (MACMO).